O Ciclo Mestre Mateo continúa en Meira este mércores con 'As Neves'

Este mércores, 6 de agosto, a Casa da Cultura de Meira acollerá unha nova sesión do Ciclo Mestre Mateo 2025, un evento que, como todos os anos, busca achegar ao público o mellor do cinema galego contemporáneo.
Nesta entrega proxectaranse o film As Neves, da directora Sonia Méndez.
As Neves é unha vila de montaña onde todos se coñecen. Na noite de Entroido un grupo de adolescentes celebra unha festa na que se drogan con cogomelos por primeira vez. O día seguinte espertan cun temporal de neve e coa noticia de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. Mentres, a vila queda incomunicada e cae internet. Cada vez é máis urxente atopala. Comeza unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.
Este ciclo, que se celebra todos os anos en Meira, celébrase durante o verán para proxectar os films gañadores e finalistas deste certame.
A cita será ás 21:30 horas, e está organizada pola Asociación Cultural M de Meira co apoio da Academia Galega do Audiovisual, o Concello de Meira e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.