O Ciclo Mestre Mateo continúa en Meira este mércores con '+Cuñados'

Este mércores, 16 de xullo, a Casa da Cultura de Meira acollerá unha nova sesión do Ciclo Mestre Mateo 2025, un evento que, como todos os anos, busca achegar ao público o mellor do cinema galego contemporáneo.
Nesta entrega proxectaranse o film +Cuñados, do director Luis Avilés.
Un cadáver aparece xusto no medio da ponte internacional de Tui. Uns días antes...
Chegou o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para desfrutar das festas favoritas de calquera bo ourensán. Pasaron dous anos desde a detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a maneira perfecta para branquear os cartos do botín que lles caeu do ceo. Entre unha cousa e a outra, Modesto convertiuse nun membro máis da familia. Un cuñado máis. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués) en busca de venganza, complicará as cousas para os cuñados, meténdoos nun novo enredo que rematará cun cadáver no medio da ponte internacional de Tui. E que convertirá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.
Este ciclo, que se celebra todos os anos en Meira, continuará durante o verán para proxectar os films gañadores e finalistas deste certame.
A cita será ás 21:30 horas, e está organizada pola Asociación Cultural M de Meira co apoio da Academia Galega do Audiovisual, o Concello de Meira e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.