O Ciclo Mestre Mateo continúa en Meira este mércores con 'Salvaxe, salvaxe'

TerraChaXa
Poderá verse na Casa da Cultura a partir das 21.30 horas
salvaxe-salvaxe-ciclo-cine-mestre-mateo
8 Jul 2025

Este mércores, 9 de xullo, a Casa da Cultura de Meira acollerá unha nova sesión do Ciclo Mestre Mateo 2025, un evento que, como todos os anos, busca achegar ao público o mellor do cinema galego contemporáneo.

Nesta entrega proxectaranse o film Salvaxe, salvaxe, do director Emilio Fonseca, que foi escollido mellor documental.

A cámara adéntrase nos montes da Galiza e o norte de Portugal entre murmurios. Para tecer os sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos.

Salvaxe, salvaxe rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Este ensaio fílmico é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados.

Este ciclo, que se celebra todos os anos en Meira, continuará durante o verán para proxectar os films gañadores e finalistas deste certame.

A cita será ás 21:30 horas, e está organizada pola Asociación Cultural M de Meira co apoio da Academia Galega do Audiovisual, o Concello de Meira e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

 

⚙ Configurar cookies
0.17154002189636