O Ciclo Mestre Mateo regresa a Meira a partir do 11 de xuño

A Asociación Cultural M de Meira anuncia a chegada dunha nova edición do Ciclo Mestre Mateo á vila, que dará comezo o vindeiro 11 de xuño. A actividade celebrarase os mércores e ofrecerá ao público a oportunidade de desfrutar dunha coidada selección de oito pezas audiovisuais finalistas na pasada edición dos prestixiosos Premios Mestre Mateo. Entre elas inclúense catro longametraxes e catro documentais, ademais de dúas sesións especiais de curtametraxes.
As películas que conforman o ciclo son As Neves, +Cuñados, Xustiza Artificial, Honey Moon, Aurora, Prefiro Condenarme, Filmei Paxaros Voando e Salvaxe.
Este evento é posible grazas ao apoio da Academia Galega do Audiovisual, que inclúe Meira no seu programa de proxeccións, á Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que patrocina a iniciativa, e ao Concello de Meira, que cede o espazo necesario para a realización das sesións.
Con esta nova edición, Meira consolídase como un punto de referencia para a difusión e goce do cinema galego, ofrecendo á veciñanza a oportunidade de achegarse a obras destacadas do panorama audiovisual actual.