O CIFP Porta da Auga de Ribadeo acolleu unha xornada de primeiros auxilios en accidentes de tráfico

TerraChaXa | AMariñaXa
O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, acolleu unha xornada de primeiros auxilios e actuación en accidentes de tráfico na que participaron os bombeiros do parque de Barreiros.
FOTO PLENO(1)
25 Feb 2019

O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, acolleu unha xornada de primeiros auxilios e actuación en accidentes de tráfico na que participaron os bombeiros do parque de Barreiros. As actividades consistiron nun simulacro de excarcelación e evacuación de feridos. Esta iniciativa repetirase o vindeiro xoves para outros alumnos e alumnas do centro.
O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, explicou que “esta actividade é unha colaboración a dúas bandas: nosoutros beneficiándonos da actuación dos bombeiros nunha práctica de excarcelación e inmobilización de ocupantes de vehículos supostamente accidentados, e os bombeiros facendo esas prácticas sobre vehículos que están completos e con alumnos voluntarios que fixeron a función de supostos ocupantes deses vehículos accidentados”.
Isidro Berdeal engadiu que “os que están participando hoxe na actividade son alumnos de atención a persoas en situación de dependencia porque lle facemos coincidir o módulo de primeiros auxilios que teñen con esta actividade, para complementar un pouquiño máis se cabe o que xa se forman nas nosas aulas. Tamén está o alumnado de educación infantil que ten un módulo relacionado con primeiros auxilios. Despois, xa que os vehículos formaban parte do parque de mantemento de vehículos, hai parte do alumnado tamén de automoción, pero que non participa activamente na excarcelación nin nas actividades que se están facendo, simplemente están vendo como se realizan esas excarcelacións e esas manipulacións dos vehículos”.
O director do CIFP Porta de Auga sinalou tamén que “son 15 alumnos os que están participando activamente e mirando como se realizan as actividades outros 15 aproximadamente”.
Isidro Berdeal anunciou que “se vai repetir  pero con outro grupo de alumnos xa que agora mesmo hai unha representación do ciclo de atención a persoas en situación de dependencia e outra representación do ciclo de educación infantil. Os que hoxe están en clase, seguindo as actividades normais, serán os que a realizarán o xoves, e os que están hoxe na actividade estarán en clase o xoves”.

0.1436619758606