O CIM das Pontes recibiu 1.429 consultas o ano pasado
O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello das Pontes recibiu, ao longo do ano 2020, un total de 1.429 consultas de información e atendeu a un total de 226 persoas, tanto presencial como telefónicamente, debido á situación sanitaria provocada pola COVID 19.
Un total de 103 consultas corresponderon á área xurídica e 1.279 á área psicolóxica e dirección do CIM. No caso da área xurídica, a maior parte das consultas estiveron vencelladas co dereito de familia (réxime económico matrimonial, divorcios, unións extramatrimoniais) e o dereito civil (herdanzas e sucesións, vivenda, alugueiro ou incapacitacións).
As consultas relacionadas cos permisos de residencia, a calificación da discapacidade ou as condicións laborais tamén ocuparon un lugar destacado xunto coas consultas relacionadas coa violencia de xénero e a prestación de xustiza de balde.
Polo que respecta á área psicolóxica, a atención prestada centrouse en terapias e seguimento psicolóxico, tanto individuais como en grupo, terapias coa parella así como na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e en ofrecer información sobre os recursos existentes no municipio en relación coa teleasistencia, cos programas de axuda para a conciliación familiar, etc.
O traballo da área de atención psicolóxica do CIM estivo encamiñado a realizar un diagnóstico da situación persoal das usuarias e facer un seguimento personalizado para, desde diferentes ámbitos, ofrecer solucións aos problemas polos que acudiron ao CIM, ofrecéndolles unha intervención integral.
O servizo, no que actualmente traballan unha psicóloga e unha avogada, ten como obxectivo prioritario a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero e así, xunto coa atención directa, desde o CIM puxéronse en marcha diferentes actividades informativas e formativas de cara á sensibilización da veciñanza no principio de igualdade e a prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos.
Entre as máis de 20 actividades promovidas polo CIM no ano 2020 destacan a posta en marcha de obradoiros, charlas e obras de teatro, dirixidas ao alumnado do municipio, sobre estereotipos de xénero co obxectivo de facel@s reflexionar sobre a igualdade, a elaboración, en colaboración coa Biblioteca Municipal, de marcapáxinas pola igualdade, un programa radiofónico con motivo do Día da Muller, unha exposicións de libros con contidos de igualdade e unha exposición de pintura, en colaboración coa Asociación de artistas ponteses ARTPO sobre a figura da muller na arte.
Con motivo do 25 de novembro realizáronse pílulas informativas (vídeos de 10 minutos de duración) para previr a violencia machista, en colaboración coa experta en violencias machistas e maternidades Montserrat Plaza Aleu. Asemade púxose en marcha a campaña de sensibilizaicón social “No gardes silencio” coa finalidade de denunciar e posicionarse en contra da violencia machista e renovouse o Acordo Interinstitucional en Materia de Violencia de Xénero.
Tamén no ano 2020, a través da Deputación Provincial da Coruña, desenvolveuse a Escola de empoderamento feminino na que, a través do traballo experiencial e participativo, se pretendeu un fortalecemento da autoestima e das habilidades socias das mulleres participantes e tamén se puxo en marcha o obradoiro a Arte de coidArte, dirixido ás coidadoras informais do municipio.
Ademais, co obxectivo de fomentar e facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral púxose un marcha unha nova edición dos campamentos de lecer educativo e atencións dirixidas ás nenas e nenos de entre 3 e 12 anos durante os períodos vacacionais, nos que se traballou na transversalidade da igualdade de xénero desenvolvendo actividades de corresponsabilidade nas funcións e tarefas domésticas e coidados de persoa.
Desde o CIM tamén se participou no proxecto As Pontes enPezas a través do mural "Oda á Muller", unha homenaxe á muller, as nosas nais, fillas, avoas, ás mulleres ancestras, e ás mulleres do presente e do futuro.
Por outra banda, ante a situación actual derivada da COVID-19, en pleno Estado de Alarma, desde o Concello das Pontes, a raíz do confinamento total da poboación decidiu facer unha campaña de recomendacións para a cidadanía de cara á asumir dun xeito, o máis sano posible, a realidade da pandemia e puxo en marcha diversas actividades en formato online co obxectivo de continuar co traballo do servizo.