O CIM de Vilalba recibe cada semana máis de 20 consultas
O CIM atende a unhas 15 mulleres vítimas de violencia de xénero e advirte dos casos de casos e consultas entre a xente máis nova.
O Centro de Información á Muller (CIM) de Vilalba pechou o ano 2023 con 1.078 consultas, máis de 20 semanais, a maior parte de asesoramento xurídico e atención psicolóxica.
“O centro atende as dificultades, necesidades e demandas das mulleres de Vilalba para facer valer os seus dereitos nos ámbitos profesional, social e familiar, cunha atención específica ás mulleres vítimas de violencia de xénero”, explica a alcaldesa, Marta Rouco.
A directora do CIM vilalbés, Ana Berta Pardo, concreta que “os motivos de consulta son moi variados, moitos relacionados co Dereito de Familia e estranxeiría, cuestións sobre divorcios, separacións, orientación laboral, temas de servizos sociais ou conciliación”.
“Aínda que a maioría das consultas as fan as mulleres, tamén veñen homes ao CIM”, engade a súa directora, que xunto a unha psicóloga son as encargadas de atender as consultas.
Polo que respecta aos casos de violencia de xénero, no CIM atenden actualmente a unhas 15 mulleres, e en Vilalba hai 20 ordes de protección en vigor e 30 casos activos no sistema Viogen.
“Dámoslle unha atención integral, e por suposto é moi importante que unha muller veña canto antes se ten algún problema de violencia de xénero, elas ou algunha persoa do seu entorno”, engade Ana Berta Pardo.
A directora do CIM advirte do “aumento dos casos e consultas por violencia de xénero entre a xente máis nova, incluso menores de idade”, de aí tamén o incremento das actividades de concienciación entre o alumnado dos centros educativos de Vilalba, en coordinación ademais coa axente de Igualdade de Vilalba, Xiomara Lazo.
“Calquera muller de Vilalba con problemas ou preocupacións vinculadas coa violencia de xénero, ten no Centro de Información á Muller un lugar no que pedir axuda e recibir atención. É unha tarefa conxunta rematar con esta lacra social e para o goberno local unha prioridade”, remata a alcaldesa, Marta Rouco.
O CIM de Vilalba está na Casa do Concello, con horario de luns a venres de 08:00 a 15:00 horas. O teléfono é o 982 523 032. É recomendable solicitar cita previa.