O CIN de Bretoña acolle un dos encontros monográficos do Consello da Cultura
O Centro de Interpretación de Bretoña acolleu este venres un dos Encontro Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Concello da Cultura Galega co título Os Centros Interpretativos como lugares de educación e formación da cidadanía nos espazos rurais. Unha ollada dende o Centro de Interpretación de Bretoña.
Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural son unha iniciativa da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que comezou en novembro de 2015. Teñen como obxectivo xerar un espazo de difusión, debate, encontro e coñecemento arredor de diferentes proxectos que afectan ao patrimonio cultural, en xeral, e que non sempre chegan a un público amplo por diferentes motivos. Os encontros acollen a calquera persoa que se queira achegar a este espazo, ben sexa un profesional da xestión do patrimonio ou da cultura, unha investigadora ou investigador ou ben calquera axente social que teña interese polo patrimonio e polo debate arredor del. Os protagonistas dos encontros son, así, o elemento patrimonial, o debate e a reflexión.
Na sesión púxose en valor ao CIN Bretoña, un centro de interpretación que conta cunha exposición centrada na arqueoloxía, historia e etnografía do concello, pero que pon a mirada tamén no patrimonio natural, a través dunha serie de rutas polos arredores, así como nos protagonistas que construíron a historia de Bretoña.
Na xornada participaron o alcalde do Concello da Pastoriza, Primitivo Iglesias; a Presidenta do CCG, Rosario Álvarez; ademais doutros representantes da entidade autonómica.
O presidente da Deputación, José Tomé, puxo en valor o papel “moi importante” que xogan os centros de interpretación “na promoción do noso rico patrimonio cultural”, destacando neste sentido o apoio da Deputación aos concellos “para crealos e mantelos con ferramentas como pode ser o Plan Único”. Precisamente é o caso da Pastoriza, Concello ao que, segundo explicou o Presidente, a Deputación aportou fondos dende o ano 2014 por un importe total próximo aos 200.000€ para “rehabilitar, acondicionar e equipar” a Casa da Galocha, onde se sitúa o Centro de Interpretación de Bretoña.
O mandatario provincial asegurou que servizos coma este “poñen en valor o patrimonio e axudan a divulgalo con criterios de amenidade e de rigor”. “Os centros de interpretación desenvolven unha gran labor de colaboración cos centros educativos, e poñen a disposición dos veciños e das veciñas unha oferta cultural de primeiro nivel, que fomenta o coñecemento e o orgullo polo propio”, afirmou o Presidente, engadindo que a cultura é, ao mesmo tempo, “unha aliada de primeira orde para promover un modelo de turismo de calidade, sostible, un turismo que valoriza a historia e o patrimonio, un tipo de turismo desestacionalizado, que crea emprego e que contribúe, polo tanto, a fixar poboación no rural”.