O CIN de Bretoña conta con tres novas salas de exposicións
O CIN de Bretoña conta dende hoxe con tres novas salas de exposicións, así, á mostra xa dispoñible das pezas atopadas no Castro de Saa unirase agora unha exposición de fotografía antiga e de etnografía da Pastoriza e dúas exposicións organizadas polo escultor Fernando Villapol.
A exposición fotográfica, que está situada no andar superior, conta con imaxes e con paneis que ilustran textos etnográficos e poemas de persoaxes locais sobre a música, a emigración e os paradoxos da modernidade.
No tocante á primeira mostra de Villapol e baixo o título Britonienses ilustres, pódense atopar obxectos e esculturas de personaxes relevantes de Bretoña. Nela podese ver un escritorio dun cirurxián tío do poeta Manuel Leiras Pulpeiro e tamén o somier ou a estrutura dunha cama do doutor Pedro Gasalla.
Na segunda exposición, que se atopa nun edificio anexo ao centro e que era un antigo forno, pódese desfrutar dunha interesante colección persoal de botellas de gaseosa titulada Augas Mayloc e que se atopan colocadas por provincias.
No acto de presentación participaron o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, o escultor, Fernando Villapol, e o arqueólogo do Castro de Saa, Emilio Ramil González.
O CIN de Bretoña conta cun muestrario dunha peza tallada en madeira realizada por Ismael García Rodríguez con motivo das festas do Lugnasad 2020 de Bretoña, simbolizando a árbore da vida celta.
A obra está situada a carón da pila de mármore orixinal da vivenda na que se sitúa no centro de interpretación, que xa albergaba unha réplica de vasilla de cerámica castrexa galaica do Castro de Saa.
Así mesmo tamén posuen unha maqueta do castro de Bretoña, unha das pezas que máis interés causa, e que é unha reconstrución hipotética realizada no ano 1998 por Eva Seoane seguindo as fontes arqueolóxicas e utilizando materiais naturais como cortiza, madeira, pedra propia de Bretoña, coiro, brión e estopa. É propiedade da Asociación Xuvenil Auruxeira, e foi restaurada este mesmo ano pola autora
O Centro de Interpretación da Pastoriza abriu as súas portas no mes de agosto do 2019 e pódese visitar sen cita previa en horario de 11.00 a 19.00 horas.