O cine de estrea regresa ás Pontes en outubro

TerraChaXa
O cine de estrea regresa en outubro ás Pontes tras o parón obrigado pola pandemia e a licitación do contrato de venda de entradas.
Vicente Roca_ Cine As Pontes concelleiro cultura
24 sep 2022

O cine de estrea regresa, a próxima fin de semana, a As Pontes tras o parón obrigado pola pandemia e a licitación do contrato de venda de entradas para os espectáculos culturais da vila.

Vicente Roca, concelleiro de Cultura, apunta que “o cine é unha das apostas culturais do goberno local que maior acollida tivo entre a veciñanza, especialmente entre o público familiar e adulto. Desde o ano 2017, data na que lle ofrecemos á veciñanza acceso a unha carteleira actual e en formato dixital, máis de 29.000 espectadores pasaron pola Casa Dopeso”.

O concelleiro explicou que “esta resposta fixo que, a pesar da situación actual da industria do cine e das salas de proxección, que sofren unha caída moi significativa de público debido á competencia doutras maneiras de acceder aos contidos cinematográficos, sigamos apostando por esta actividade”.

“Estamos convencidos do hábito de consumo de cine na nosa vila, tal e como demostran as cifras de asistencia e as múltiples consultas que recibidas, durante este dos últimos anos, por parte da veciñanza sobre o regreso do cine. Por este motivo imos continuar facendo un esforzo por ofrecer cine de primeiro nivel na nosa vila” engadiu o Vicente Roca.

A programación do mes de outubro arrancará coa proxección, o sábado 1 de outubro, ás 17:00 horas, do filme Minions, a orixe de Gru, que volverá a proxectarse o domingo, 2 de outubro, á mesma hora. O sábado, ás 19:00 horas e ás 22.15 horas será a quenda para a proxección do filme Elvis que tamén se poderá ver o domingo, ás 19:00 horas.

A seguinte fin de semana as películas que se proxectarán serán Tadeo Jones 3, a táboa esmeralda (sábado e domingo, ás 17:00 horas) e A vida padre para o público adulto (sábado, ás 19:30 e 22:00 horas e domingo ás 19:30 horas).

A terceira fin de semana estarán en carteleira, para o público familiar, Dc Liga Supermascotas (sábado e domingo, ás 17:00 horas) e para o público máis maior Top Gun, Maverick (sábado, ás 19:30 e 22: 15 horas e domingo ás 19:30 horas).

Os días 22 e 23 de outubro será a quenda para Dragon Ball Super, Super Hero (sábado e domingo, ás 17:00 horas) e Bullet Train (sábado, ás 19:30 e 22:15 horas e domingo ás 19:30 horas).

A última fin de semana de outubro chegarán a As Pontes, Aimbo, a guerreira do Amazonas sábado e domingo, ás 17:00 horas) e Viaxe ao paraíso (sábado, ás 19:30 e 22:00 horas e domingo ás 19:30 horas).

0.30597400665283