O Cine de Estrea regresa ás Pontes o 4 de outubro na Casa Dopeso

TerraChaXa
A tempada cinematográfica comezará coa proxección 'Los Tipos Malos 2' e 'Sirât', un intenso drama dirixido por Óliver Laxe
cartelera-outubro-cine-as-pontes
24 Sep 2025

O cine de estrea regresa a próxima fin de semana ás Pontes, tras o parón estival, cunha programación que aposta por ofrecer propostas actuais, diversas e de calidade para todos os públicos.

Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura, destaca que “o cine consolidouse como unha das actividades culturais máis valoradas pola veciñanza, especialmente polas familias. Dende que puxemos en marcha esta iniciativa no ano 2017, máis de 42.346 persoas desfrutaron dos 317 títulos proxectados na Casa Dopeso. Estas cifras demostran que existe unha demanda real de cine accesible e actualizado no noso concello”.

Engade ademais que “apostamos por unha programación pensada para todos os públicos, con estreas recentes, en formato dixital e con calidade de exhibición. Seguiremos ofrecendo tamén sesións adaptadas para público neurodiverso, porque cremos nunha cultura inclusiva, sen barreiras e ao alcance de toda a cidadanía”.

A tempada cinematográfica comezará o sábado 4 de outubro ás 17:00 horas, coa proxección Los Tipos Malos 2, unha divertida aventura animada sobre un grupo de antigos delincuentes reformados que se ven obrigados a aceptar un último traballo. Un filme cheo de acción e humor para toda a familia. Repetirase o domingo, 5 de outubro, no mesmo horario.

O sábado, ás 19:30 horas será a quenda para  Sirât, un intenso drama dirixido por Óliver Laxe que nos leva ata o sur de Marrocos, onde un pai e un fillo buscan á súa filla e irmá desaparecida no mundo das raves. Repetirase o sábado ás 22:00 horas, e o domingo ás 19:30 horas.

Durante a fin de semana do 12 e 13 de outubro, proxectarase Los Súper Elfkins (sábado e domingo, ás 17:00 h), unha película de animación na que Elfie, unha duendecilla inconformista, busca o seu lugar no mundo entre tradicións e novas aventuras.

Como proposta para adultos, chega F1: La Película, protagonizada por Brad Pitt, quen interpreta a un piloto veterano que regresa á Fórmula 1 para salvar un equipo en crise e formar parella cun mozo talento. Poderase ver o sábado ás 19:00 e 22:00 horas, e o domingo ás 19:30 horas.

Na fin de semana do 19 e 20 de outubro, estará en carteleira Ponyo en el Acantilado (sábado ás 18:00 h e domingo ás 17:00 h), unha historia máxica de amizade entre un neno e unha peixiña que desexa ser humana, dirixida por Hayao Miyazaki, que se proxectará en galego.

Para o público adulto, proxectarase Materialistas (sábado ás 19:30 e 22:00 h; domingo ás 19:30 h), unha comedia romántica que explora os conflitos entre amor e ambición material, a través dunha casamenteira atrapada entre dous pretendentes moi diferentes.

A fin de semana do 26 e 27 de outubro estará centrada na diversidade de propostas.
O público familiar poderá desfrutar de Heidi: El rescate del lince (sábado e domingo, ás 17:00 h), unha aventura ecolóxica na que Heidi tenta salvar un lince ferido mentres se enfronta a unha ameaza ao ecosistema local. A función do sábado será adaptada para público neurodiverso.

Para o público adulto, proxectarase Romería, un drama íntimo e emotivo no que unha moza busca respostas sobre a identidade do seu pai falecido, mentres se enfronta ao silencio familiar. As proxeccións serán o sábado ás 19:30 e 22:00 horas, e o domingo ás 19:30 horas.

As entradas poden mercarse de xeito anticipado en https://aspontes.sacatuentrada.es oun na Casa Dopeso unha hora antes de cada sesión

⚙ Configurar cookies
0.1279628276825