O cine na rúa continúa este venres en Meira
O programa de Cine na Rúa continuará en Meira cunha nova proxección. Será o vindeiro venres, 19 de agosto, ás 22.00 horas, na praza do Convento e proxectarase Cuñados, un film de Toño López.
A película trata sobre Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) que acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar pero, como diría Sabonis, malo será.