O circuíto das Pontes será escenario do Campionato de España de Minivelocidade
O circuíto de karts das Pontes será escenario, esta fin de semana, da última proba do Campionato de España de Minivelocidade, unha competición organizada pola Real Federación Española de Motociclismo e a Federación Galega de Motociclismo, en colaboración co Concello. Unha proba que ten como obxectivo que as novas promesas do mundo do motor poidan dar os seus primeiros pasos na competición.
A carreira, na que participarán máis de 100 novos pilotos procedentes de toda España, con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos, inclúe as categorías Minimotos 4,2 CV, Minimoto Eléctrica, MiniGP 110 4T, Moto5 FIM e MiniGP World Series.
O circuíto de karts das Pontes abrirá as súas portas aos pilotos participantes na última proba da RMFE Copa de España de Minivelocidade na xornada de venres e durante a xornada do sábado realizaranse en horario de mañá, a partir das 10:00 horas, os adestramentos libres onde os pilotos terán a súa primeira toma de contacto co trazado.
Xa pola tarde, a partir das 15:40 horas será a queda para os adestramentos cronometrados que determinarán a grella de saída da competición do domingo que arrancará ás 09:00 horas cos quecementos da categoría Minimotos 4,2 GrB, iniciándose a competición ás 10:20 horas, rematando a proba ás 15:20 horas para dar paso, a continuación, a entrega de premios.
A proba contará coa participación do piloto pontés Fran da Silva – Fran 22- que competirá na categoría Minimotos 4.2 CV.