O Club Atletismo Guitiriz celebrou a súa primeira gala recoñecendo aos atletas máis destacados

O Club Atletismo Guitiriz deu un novo paso celebrando a súa primeira gala, na que foron os deportistas premiados polo seu desempeño ao longo do ano 2025 os que cobraron protagonismo.
Entre eles destacaron Roberto Fernández e Noa Abella, vencedores do circuíto de carreiras populares Terra Chá. Roberto completou unha brillante tempada cun cuarto posto no Provincial de campo a través, un oitavo lugar no Galego de pista cuberta nos 60 metros e outro cuarto posto no autonómico da mesma distancia ao aire libre. No caso de Noa, a atleta conseguiu ser finalista nos campionatos galegos de pista cuberta e aire libre en 500 e 1.000 metros.
Tamén recibiron premios individuais Olalla Coira, terceira no Terra Chá de campo a través e finalista provincial e galega en varias probas de velocidade e valos; Marta Pereira, finalista autonómica por partida dobre nos 50 metros; Lola Álvarez, finalista provincial en lanzamentos; e Alejandro Docasal, o atleta máis novo en lograr unha vitoria para a entidade, considerado un símbolo da canteira.
No apartado de adultos premiouse a Luis López polo seu terceiro posto no Terra Challenge e a Susana Regueiro pola "súa constancia, ilusión e compromiso co club". Así mesmo tamén levaron galardón os alevíns, que foron subcampión comarcal no caso do feminino, e camión do Xogade escolar no masculino, os que tamén estiveron presentes en todas as finais dos galegos con boas resultados.
A gala, que reuniu arredor de 80 persoas no restaurante La Casilla, naceu coa intención de reforzar a unión entre deportistas e familias, ao tempo que recoñecer o esforzo das categorías de base.
O Club Atletismo Guitiriz, que conta con apenas cinco anos de vida, continúa a consolidarse tanto en número de deportistas como en resultados.
A combinación de logros deportivos e convivencia fixo desta primeira gala unha celebración especial para un club que continúa a medrar e a construír o seu proxecto de futuro da man da súa canteira.