O club de fútbol sala Lago Sport convoca un campus de Nadal para a cativada

TerraChaXa
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de decembro
campus-nadal-lago-sport
16 Dec 2025

O Lago Sport vén de anunciar a celebración do Campus de Nadal Noliños Lago Sport 2026, unha proposta deportiva dirixida á rapazada que se desenvolverá nas instalacións municipais das Pontes durante os días 29 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro, en horario de 10.00 a 18.00 horas. Trátase da cuarta edición dun campus que busca ofrecer unha experiencia completa de deporte, aprendizaxe e convivencia durante as vacacións de Nadal.

O campus está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2019 e inclúe xantar diario, ademais dunha ampla programación de xogos e actividades multideporte, con especial protagonismo do futsal. Ao longo das xornadas, as persoas participantes poderán gozar tamén de adestramentos específicos, incluído o traballo de porteiras e porteiros, así como da visita de xogadores profesionais.

Desde a organización destacan que os xogadores e xogadoras do club Lago Sport contarán cun desconto adicional no prezo da inscrición e que cada participante recibirá como agasallo dúas equipacións. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de decembro.

As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou formalizar a inscrición a través do teléfono 679 37 14 72 ou do correo electrónico lagodvsport@gmail.com. Con esta iniciativa, Lago Sport reafirma a súa aposta polo deporte base e pola promoción de hábitos saudables entre a infancia durante o Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.080362796783447