O club de lectura de Outeiro de Rei homenaxea a Saleta Goi no seu cabodeano
Cando vén de facerse, no día de onte, un ano do falecemento de Saleta Goi, a sección de persoas adultas do Clube de Lectura que desenvolve a súa actividade na Casa-Museo Manuel María dende o 2018, decidiu homenaxear a Saleta Goi identificándose co seu nome.
As lectoras recoñecemos así a súa traxectoria a prol da lectura, como promotora de medios de comunicación en galego, como libreira e como lectora con criterio propio que contribuíu coas súas achegas ao funcionamento deste clube durante a súa presidencia da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
Consideramos, ademais, fundamental reivindicar a súa figura referencial no ámbito cultural e no activismo da historia recente de Galiza, sempre coherente co seu compromiso sociopolítico co país, intelixente e firme na defensa das súas conviccións, chea de recursos e de dignidade.
Saleta, para alén de ter sido a compañeira de vida do poeta chairego -quen se refería a ela dese xeito, "a miña compañeira"-, foi a depositaria do seu legado e como presidenta da Fundación conseguiu asentalo en Outeiro de Rei ao tempo que a súa obra se universalizaba en canto á difusión e recoñecemento.
É de xustiza nomear a quen o merece, para que fique na memoria colectiva, e así o facemos nós.