O Club de Lectura Entre Liñas continúa coas súas xuntanzas literarias

O Hábitat Cultural Fogar de Maeloc, situado na Casa da Cultura da Pastoriza, acolle unha nova xuntanza literaria do Club de Lectura Entre Liñas.
Así, está prevista este venres, día 24 de maio, unha xuntanza con María Solar, autora de A culpa. Será ás 21.00 horas con entrada libre.
Cada seis meses, coma un cravo, os empregados dunha pequena sucursal bancaria reciben a visita desagradable da señora Gondar, unha muller de aspecto miserable e cun fedor corporal insoportable que controla ata o mínimo detalle as súas contas millonarias. Amanda, unha novísima empregada da oficina, aténdea unha soa vez. Un mes despois do encontro, a señora Gondar falece e Amanda convértese inesperadamente na súa única herdeira. A moza, xunto co seu amante xornalista, Enric, comeza unha investigación sobre a identidade da anciá e descobre a historia vital que uniu de por vida a dúas mulleres poderosas: os terribles segredos que as devoran, as culpas que as perseguen e a tóxica relación entre elas que remata nun final perturbador. Amanda non só herdou unha fortuna, tamén herdou unha culpa.
O obxectivo do club é fomentar a lectura coma unha ferramenta para comprender ideas, aprender a relacionarse e establecer un pensamento crítico.