O club de lectura Entre Liñas da Pastoriza segue coas xuntanzas
O club de lectura Entre Liñas da Pastoriza segue coas xuntanzas vinculadas á lectura e nesta ocasión, no Dïa do Libro, Sergio Gallego visitará o club.
Para celebrar ese día tan máxico, o 23 de abril, contarán coa presenza do pastoricense autor de Gali. Vida dun mastín, que conta a historia dun can afouto que evoluciona desde cachorro ata converterse nun mastín comprometido coa misión que ten que desenvolver. Polo medio agárdante as vivencias do noso protagonista: o espertar dos sentidos, os primeiros romances, o enfrontamento cos inimigos…
Sergio Gallego Nieto naceu na Rigueira no ano 1986. Criouse nunha casa de aldea na que aprendeu a convivir cos animais, tanto como medio de vida da súa familia, como como seres de compaña cos que compartir a vida.
Na actualidade é profesor de Formación Profesional e reside en Vigo. Escribiu esta novela no confinamento, período que lle achegou a tranquilidade necesaria para transformar en historia a vida do can co que se iniciou, xunto co seu irmán, na cría de Mastín Español.
As lectoras e lectores que forman Entre Liñas están "moi contentas e contentos de contar co veciño Sergio nunha data tan especial para os/as amantes dos libros". Lémbrase que esta actividade é aberta para todas as persoas que desexen compartir esta actividade.