O Club de Loitas Olímpicas de Vilalba acada máis ouros no Campionato de España Sub23
Os vilalbeses Carlos Yobani García e Ramón Monasterio Portela acadaron senllos ouros nos campionatos de España Sub23 que veñen de celebrar na localidade madrileña de Guadalix. O primeiro fíxose co primeiro posto na categoría de menos de 65 kg, sen lugar a dúbida unha das categorías máis complicadas na que se concentran varias das promesas da loita española, o que supón un gran empurrón na carreira de Carlos para posicionarse como indiscutible na selección española, tanto no equipo júnior como no sub23.
Ramón, pola súa banda, acadou o ouro en menos de 97 kg, categoría que se veu afectada por moitas baixas e polo que tivo menos posibilidades de amosar aos seleccionadores o bo estado de forma do loitador vilalbés. Ramón tentará agora dar un gran salto de calidade disputando o campionato de España sénior no que si que terá a posiblidade de posicionarse como un referente na categoría ante loitadores máis competitivos.
A participación vilalbesa remata coa prata de Oussama Lahnin no seu primeiro campionato de España. A pesares de que Lahnin xa se atopa integrado no equipo de competición do club que adestra a diario de luns a sábados, esta competición era moi novidosa para o que supón un gran resultado que supera as expectativas coas que íamos a Guadalix.
O pleno de preseas dos loitadores vilalbeses serviu para que o Club Vilalba acadase a segunda posición por clubs na categoría, co que xa leva varias tempadas subindo ao máis alto da clasificación por equipos a nivel estatal en todas as categorías de idade.
O éxito esténdese á modalidade feminina coa prata de Dafne Nogueiras en menos de 59 kg. A deportista do Club de Loita Lugo adestra ás ordes de Pablo Pintos, e co seu metal certifica o avance da loita feminina na provincia.