O Club de Tenis As Pontes: dúas décadas facendo medrar o deporte da raqueta na comarca

O tenis leva máis de dúas décadas soando con forza nas Pontes grazas ao traballo do Club de Tenis As Pontes, unha entidade que, dende a súa creación en 1999, se converteu nun referente deportivo e formativo para nenos e adultos da comarca. O seu presidente, Paulino Fernández Seoane, repasa con nós a traxectoria, o presente e os retos dun club que vive por e para o tenis.
“O club xorde para dar continuidade aos alumnos da escola municipal de tenis”, explica Fernández. “Queríamos que tivesen a oportunidade de participar en torneos federados e en competicións por equipos. Esa foi a nosa razón de ser e segue sendo o noso obxectivo principal”.
A historia recente do club é a dun colectivo activo, implicado e con vontade de dinamizar o deporte local. Ao longo do ano, o Club de Tenis As Pontes xestiona a escola municipal de tenis, organiza o Circuíto entre Escolas de Touchtennis-Tenis, unha liga conxunta co Club Tenis Vilalbes, e promove cursos de iniciación e perfeccionamento nos meses de xullo e agosto. Ademais, compite con equipos de base, como o infantil que participa no campionato galego por equipos.
Durante máis de dúas décadas, o club organizou o tradicional Torneo de Tenis Festas do Carme, pero este 2024 decidiu pechar ese ciclo e abrir outro novo: o I Torneo de Tenis Concello das Pontes, celebrado en setembro, que contou con 48 participantes e un excelente nivel deportivo.
“Foi unha aposta arriscada pero moi satisfactoria”, comenta o presidente. “Queremos que este torneo se consolide como unha cita anual de referencia”.
O Club de Tenis As Pontes conta cun número reducido de socios, con idades que van desde os 8 anos ata adultos veteranos. “Non temos moita masa social porque dependemos das instalacións municipais”, explica Paulino Fernández. “Ao non dispoñer de pistas propias, non podemos ofrecer vantaxes directas por facerse socio. Somos un club baseado en organizar actividades e en fomentar a práctica”.
Os adestramentos realízanse no pavillón do colexio Castro da Uz durante o inverno e, coa chegada da primavera, trasládanse ás pistas de tenis do Canal IV, onde tamén se disputan os torneos.
CARA AO FUTURO
Entre os proxectos de futuro, o club prevé integrar o Pickleball na súa programación, un deporte emerxente que será modalidade escolar. Pero o gran obxectivo a longo prazo é “incrementar a práctica do tenis no concello e na comarca, e poder dispoñer de varios equipos en distintas categorías”, sinala Fernández.
O presidente tamén destaca unha necesidade clave: “O fundamental é dispoñer dunha pista cuberta para poder adestrar e competir durante todo o ano”.
A nivel institucional, o club recibe unha pequena subvención do Concello das Pontes e axudas puntuais da Deputación da Coruña para a organización dalgúns eventos.
“O tenis ofrece innumerables beneficios”, asegura Fernández Seoane. “Mellora a forza, a resistencia, a coordinación e a concentración. Reduce o estrés e fomenta o espírito deportivo e as relacións sociais. É un deporte que forma persoas, non só deportistas”.
Entre os logros que máis orgullo lles producen, o presidente lembra con emoción cando o club se proclamou campión galego infantil por equipos de 2ª categoría hai xa catorce anos, con xogadores saídos da escola municipal.
“Tamén nos enchen de orgullo os comentarios positivos que recibimos dos participantes nas nosas competicións”, engade.
NOVA ETAPA
O I Torneo de Tenis Concello das Pontes pechou a tempada cun éxito rotundo. “Foi unha experiencia moi boa, e xa pensamos na segunda edición”, afirma o presidente. O torneo contou con campións como Darío Vila (Club Tenis D10 Lugo) na categoría absoluta e Teo Fernández (Club Tenis As Pontes) en infantil, entre outros destacados xogadores.
O Club de Tenis As Pontes continúa así escribindo a súa historia con esforzo, paixón e compromiso, facendo do tenis un punto de encontro para o deporte, a amizade e o crecemento persoal. “O importante é manter viva a ilusión”, conclúe Paulino Fernández Seoane, convencido de que o mellor aínda está por vir.
RESULTADOS
- Campión Absoluto: Darío Vila (Club tenis D10 Lugo)
- Subcampión Absoluto: Ramón Talín ( Club Tenis As Termas)
- Campión Infantil: Teo Fernández (Club Tenis As Pontes)
- Subcampión Infantil: Darío Rodríguez (Club Tenis Grupo Bazán)
- Campioa Infantil: Ariadna García (Escuela Tenis Justo Al revés)
- Subcampioa Infantil: Nabia Carreira (Club Tenis As Termas)
- Campioa Alevín: Irene Santamariña (Escuela de tenis Justo Al revés)
- Campión Alevín: Álvaro Vinicius (Escuela Tenis Marineda)
- Subcampión Alevín: Lucas Fernández (Club Tenis As Pontes)
- Campión +45: Alexandre González (Club Tenis Vilalbés)
- Subcampión + 45: Saúl Vérez (Club Tenis CD Lugo)