O Club Fluvial de Friol celebra o primeiro aniversario da súa reapertura
O remodelado Club Fluvial de Friol celebra este venres e sábado o primeiro aniversario da súa reapertura con varias actividades.
O lugar, que adiantou a súa apertura estival axudado polo bo tempo e a demanda popular, acollerá unha mexillonada ás 21.00 horas para rematar a noite coa actuación do DJ David Expósito. Durante a primeira hora de actuación a primeira consumución será gratuíta.
O sábado continuarán as celebracións cunha degustación de tostas variadas con varias sorpresas. Ademais actuará DJ Diego.
O conxplexo seguirá en activo ata o 17 de setembro de luns a venres de 14.00 a 20.00 horas e as fins de semana e días festivos amplíase de 12.00 a 21.00 horas.
Novamente este servizo conta con prezos populares. Así, a entrada diaria para os menores de 5 anos será de balde e para os que teñan entre 6 e 14 anos custará 1 euros. Para maiores de 14 sobe ata os 3 euros.
O Concello de Friol puxo á disposición dos veciños os abonos de tempada completa, que teñen un prezo de 15 euros para usar de xeito individual e de 30 euros para familias. Esta aplícase para parellas con fillos minores de idade que residan no mesmo concello.
O verán pasado estreáronse as novas instalacións do Club Fluvial, que foron reformadas tras 40 anos sen cambios. As obras consistiron na renovación integral da edificación do edificio central ademais das dúas piscinas exteriores, unha de adultos e outra infantil, que ten o recinto. Tamén se executaron traballos de urbanización e a creación de espazos axardinados.
Por outra banda, a previsión é continuar coa urbanización de parte da contorna da praia fluvial, localizada nunha das marxes do río Narla coa renovación do paseo e a construción dunha ponte sobre o río.
Tamén se fixo a mellora da pista de tenis.