O Club Lago Sport abre o prazo de inscrición e celebra xornadas de portas abertas

O Club Lago Sport abriu o prazo de inscrición para as novas altas na súa Escola de Fútbol Sala de Base de cara á tempada 2025-2026. Segundo informa a entidade, un 82% dos xogadores e xogadoras da pasada campaña xa renovaron a súa praza, polo que agora ábrese a oportunidade para novas incorporacións ata completar os equipos, respectando o número máximo de prazas dispoñibles por categoría.
As categorías, tanto en modalidade masculina como feminina, abranguen desde Biberón ata Xuvenil, e están organizadas segundo os anos de nacemento dos participantes. En concreto, os grupos quedan definidos do seguinte xeito: Biberón (2020, 2021 e 2022), Prebenxamín (2018 e 2019), Benxamín (2016 e 2017), Alevín (2014 e 2015), Infantil (2012 e 2013), Cadete (2010 e 2011) e Xuvenil (2007, 2008 e 2009).
Como vén sendo habitual, o club ofrece tamén unhas xornadas de portas abertas que arrancan este luns, 2 de xuño. Durante estas semanas, todos os nenos e nenas alleos ao club que queiran coñecer o seu funcionamento poderán participar en adestramentos gratuítos. Posteriormente, poderán optar a formar parte dalgún dos equipos que competirán nas ligas da Real Federación Galega de Fútbol ou asistir á Academia de Tecnificación ou á Escola de Porteiros sen necesidade de competir.
O Club Lago Sport destaca, ademais, a súa aposta decidida polo fútbol sala feminino, animando especialmente ás rapazas a aproveitar esta oportunidade para iniciarse ou continuar neste deporte.
Para máis información ou para formalizar a inscrición tanto nas xornadas de portas abertas como na escola, as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono e WhatsApp 679 371 472 ou no correo electrónico futsal.lagosport@gmail.com.