O Club Loitas Olímpicas Vilalba brilla nos Campionatos Galegos con 7 ouros e 2 pratas

Este sábado tiveron lugar os Campionatos Galegos de Loitas Olímpicas das categorías U13, U17 e Sénior no Pavillón do CGTD de Pontevedra, onde o Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana participou cun equipo.
A pesar da competencia, os deportistas do club lograron un impresionante palmarés de 7 ouros e 2 pratas nas categorías U13 e Sénior, acadando ademais o 3º posto por equipos en ambas.
Na categoría U13, o equipo destacou cun pleno de ouros. Alonso Maceiras, Sara Martínez, Alejandra Valle, Noela González Carreira e Bruno Pintos (con licenza polo Loita Lugo) subiron ao máis alto do podio, dominando as súa disciplinas.
Varias destas deportistas xa acadaran a vitoria nos anteriores Campionatos Galegos na categoría U15, demostrando a súa preparación para representar á Selección Galega nos próximos Campionatos de España.
Na categoría Sénior, José Cuba impuxo a súa superioridade na categoría de pesos pesados en libre olímpica, mentres que Catriel Pehuén logrou o ouro na modalidade de grecorromana. Pola súa banda, Kevín Cuba conseguiu dúbas medallas de prata en libre olímpica e grecorromana na categoría de 96 kg, mentres que Xiao Seoane finalizou no 5º posto en menos de 74 kg.
Unha vez concluída a fase autonómica de tódalas categorías, o club comeza a preparación para as 17 participacións nos Campionatos de España deste 2025, que representarán unha das tempadas con maior presenza de deportistas do club na competición estatal. Ademais, José Cuba, xa recuperado dunha operación de xeonllo, retomará a competición nacional coa meta de superar os 20 títulos de Campión de España.