O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana gaña a Liga Galega de Deporte Base
Por terceiro ano consecutivo, o Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana logrou o primeiro posto na Liga Galega de Deporte Base despois da xornada final que se celebrou no Pavillón do Restollal en Santiago de Compostela. A escola clasificárase previamente na Xornada Norte do mes de abril da que saíron os 3 equipos que, xunto aos mellores equipos da Xornada Sur, conformarían os 6 equipos da final A na que se enfrontan entre todos nunha volta.
Esta liga é unha maneira interesante de que os e as novos deportistas poidan poñer a proba o aprendido durante a tempada e iniciarse de maneira lúdica na competición. Para o club o resultado e a clasificación na liga son cousas secundarias, aínda que lles parece moi positivo o feito de que fora escola máis numerosa. “É de agradecer o compromiso das nenas, os nenos e as súas familias coa actividade, que fixeron un oco na axenda nunhas datas tan compricadas pola coincidencia de diversas celebracións e finais doutras modalidades deportivas”.
Hai que ter en conta que nos equipos máis numerosos moitos e moitas deportistas só disputan un enfrontamento e algúns limítanse a facer combates de exhibición, aínda así todos colaboran, apoiando e puntuando para que a escola repita outro ano máis como mellor escola de deporte base.
Con esta competición, rematan a tempada das Escolas Deportivas Municipais para os grupos de familiarizacion, prebenxamíns e benxamins, continuando cos adestramentos durante os meses de xuño e xullo para os alevíns e escolares que para o ano queirn competir nos Campionatos Galegos e de España así como coas categorías de cadete e sénior.
Esta última categoría última a súa participación nos Campionatos de España sénior que terán lugar de novo en Santiago nos que participarán Catriel Pehuén, Ramón Monasterio e Xiao Seoane despois das baixas de José Cuba e Carlos Yobani. Esta actividade prima a participación sobre o compoñente unicamente competitivo con equipos mixtos de entre 6 e 13 anos limitándose as técnicas permitidas para adaptarse a todos os niveis e idades.