O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana suma múltiples podios no Galego

O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana participou no pavillón de Teis, en Vigo, nos campionatos galegos das categorías U13, U15 e sénior, asinando unha destacada actuación con numerosos metais en todas as franxas de idade.
Na sesión matinal competiron os deportistas das categorías de base. En U13, o club contou coa participación de Carla Cazás, que logrou a medalla de ouro, Daniela González, que se fixo coa prata, e Norah Santos, que tivo que abandonar por lesión. Tamén subiron ao máis alto do podio Isaac Folgueira, con ouro, e Mauro Basanta, que acadou a prata.
En U17, a representación vilalbesa mantivo o alto nivel competitivo con medallas de ouro para Sara Martínez e Mateo Paredes. Héctor Somoza e Andrés Maceira lograron sendas medallas de bronce, mentres que Enrique Seoane rematou na quinta posición da súa categoría.
Xa pola tarde foi a quenda dos sénior, que asinaron un pleno de podios. Jose Cuba, Catriel Pehuén e Ángel Cortés proclamáronse campións galegos nas súas respectivas categorías, mentres que Kevin Cuba obtivo a medalla de prata.
Tras estes resultados, o club vilalbés centra agora os seus esforzos na preparación dos campionatos de España das distintas categorías, que se celebrarán nos vindeiros meses e nos que varios dos seus loitadores estarán presentes.