O Club Loitas Olímpicas Vilalba suma múltiples medallas nos Campionatos Galegos U15 e U20

TerraChaXa
A competición, celebrada no Pazo Provincial de Deportes, deixou ouros, pratas e bronces para o club vilalbés e varias clasificacións para o Estatal
club-Loitas-Olímpicas-Vilalba-Libre-e-Grecorromana
1 Feb 2026

O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana participou na xornada de tarde dos Campionatos Galegos das categorías U15 e U20, disputados no Pazo Provincial de Deportes de Lugo, cun balance moi positivo en forma de medallas e bos resultados.

Na categoría U15, o club acadou catro títulos autonómicos grazas ás vitorias de Sara Martínez, Noela González Carreiras, Jimena García e Bruno Pintos, este último competindo polo Club Loita Lugo. Nesta mesma franxa de idade, Noelia Vilasuso e Héctor Somoza proclamáronse subcampións galegos, mentres que Enrique Seoane e Marco Gaute subiron ao terceiro chanzo do podio. A participación nesta categoría completouse co sexto posto conseguido por Alonso Maceira.

Na categoría U20, o gran protagonista foi Kevin Cuba, que se proclamou campión galego na categoría de 97 kg tanto na modalidade de loita libre como en grecorromana. Pola súa banda, Xiao Seoane e Adniel Montes de Oca lograron sendos bronces, mentres que Mateo Paredes, Andrés Maceira e Gabriel Facal pecharon a súa participación cun sexto posto.

Varios dos deportistas do club conseguiron ademais a clasificación directa para os próximos Campionatos de España da categoría, que se celebrarán en Langreo o próximo 28 de marzo.

A actividade competitiva continuará o 14 de febreiro en Vigo, onde o Club Loitas Olímpicas Vilalba tomará parte nos Campionatos Galegos das categorías U13, U17 e Sénior.

Ademais, o sábado pola mañá tamén se celebrou o Campionato Galego Sénior de Loita Sambo, no que o técnico do club, Catriel Pehuen, debutou nesta modalidade cunha medalla de bronce na categoría de pesos pesados.

⚙ Configurar cookies
0.075157165527344