O Club Pádel As Pontes, que representará a Galicia na fase nacional das Series Nacionais, foi recibido polo alcalde

TerraChaXa
O conxunto pontés logrou o título na categoría 500 tras impoñerse ao equipo Smash Padel4 nunha final que lles permitiu acadar o pase á fase nacional do Máster Internacional
recepcion-club-padel-as-pontes
6 Mar 2026

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado pola concelleira de Deportes, Elena López, recibiu ao equipo do Club Pádel As Pontes despois de proclamarse campión da fase final autonómica das Series Nacionais de Pádel na competición PadelPrix.

O conxunto pontés logrou o título na categoría 500 tras impoñerse ao equipo Smash Padel4 nunha final que lles permitiu acadar o pase á fase nacional do Máster Internacional. Grazas a este triunfo, o club converterase no representante de Galicia nesta competición, sendo ademais o único equipo da comarca de Ferrolterra que participará na cita estatal.

Durante o encontro no Concello, o rexedor destacou o mérito deportivo do equipo e puxo en valor o esforzo, a constancia e o traballo realizado polos seus integrantes ao longo da tempada. Pola súa banda, a concelleira de Deportes felicitou ao club polo éxito acadado e subliñou a importancia de contar con referentes deportivos que contribúan a promover o deporte na vila.

Desde o goberno local sinalaron que esta vitoria supón un motivo de orgullo non só para o deporte pontés, senón tamén para toda a comarca, ao tempo que desexaron sorte ao equipo na súa participación na fase nacional da competición.

0.11556506156921