“O club tivo un gran crecemento en membros e notoriedade”
Cando naceu o club e que percorrido tivo nestes anos?
O club de tiro con arco Guitiriz fundouse en maio do ano 2012 polo interese e empeño persoal dos seus fundadores en continuar coa práctica deste deporte máis alá das clases de iniciación das escolas deportivas municipais onde se iniciaron nesta actividade, e promover este deporte na contorna. Ao longo destes anos participamos en numerosas competicións locais e autonómicas.
De que logros se senten máis orgullosos?
Estamos especialmente orgullosos de ter conseguido podios no Campionato Galego de aire libre e de sala, nos Trofeos Federación Galega-Xunta de Galicia e en Torneos Autonómicos por equipos, campionatos rexionais e algún título nacional.
Cantos deportistas e de que categorías tedes actualmente? E adestradores?
Actualmente, temos 21 arqueiros inscritos no club, en categorías infantil, xuvenil, sénior e veterano. Contamos cun adestrador acreditado que se encarga de dirixir os adestramentos e preparar aos nosos membros para as competicións.
Experimentou un crecemento nos últimos tempos?
Si, nos últimos anos, o club experimentou un significativo crecemento en número de membros e en recoñecemento dos seguidores. Gracias, en gran parte á difusión e promoción nas redes sociais do éxito dos nosos arqueiros nas competicións.
Que obxectivos hai?
Temos programada a participación en varios torneos importantes e a organización do II Trofeo Concello de Guitiriz. Dentro dos obxectivos do club están o de seguir mellorando as marcas persoais dos nosos arqueiros, conseguir a captación de novos socios, incidindo nos máis novos e promover a práctica desta disciplina deportiva alcanzando a máis persoas cada vez.
Cales son os proxectos máis inmediatos de futuro?
Dentro do máis inmediato están a mellora do noso equipamento deportivo e as instalacións para a práctica do tiro con arco. Tamén queremos aumentar e mellorar a presenza do club nas redes sociais para dar difusión á nosa actividade e atraer máis público e futuros compañeiros para o club.
E necesidades?
As principais necesidades están relacionadas co anterior, adquirir máis material deportivo de calidade, mellorar as instalacións, e conseguir ser atractivos para aumentar o noso número de socios.
Contan con axuda para manter o club activo?
O club mantense activo gracias ás cotas dos socios e a o apoio do Concello de Guitiriz, cunha subvención anual e facilitando o uso das instalacións municipais para a práctica da actividade.
Que nos pode dicir da afección?
A afección ao tiro con arco en Guitiriz medra pouco a pouco. Anímanse a probar esta disciplina dende a xente moza ata os seus pais.
Ademais da competición programan outra serie de actividades?
Si, ademais da participación en competicións, temos organizadas xornadas de portas abertas para o público en xeral, xornadas de achegamento do tiro con arco nos centros escolares do Concello, con demostración in situ desta disciplina, con participación dos alumnos e profesores e, todas as tempadas levamos a cabo a escola deportiva de tiro con arco para a iniciación ao tiro con arco para nenos e adultos.
Cal é a idade máis apropiada para practicar este deporte?
O tiro con arco pode practicarse desde idades moi temperás, arredor dos 10 anos, ata idades avanzadas. Adaptando o equipamento e o adestramento a cada franxa de idade.
E cando se deixa?
Non hai unha idade determinada para deixar de practicar o tiro con arco. Moitos arqueiros seguen activos moitos anos e outros deciden deixalo antes... A decisión de retirarse normalmente depende da condición física e das preferencias persoais de cada un.
Que beneficios ten?
O tiro con arco achega numerosos beneficios. Entre outros podemos sinalar que mellora a concentración, mellora a coordinación e o equilibro e diminúe os niveis de estrés. Tamén axuda a desenvolver a forza física e mental, e proporciona un gran sentido de comunidade entre os practicantes.