O Club Violeta organiza o tradicional Torneo Terra Chá de ximnasia rítmica con 650 participantes

TerraChaXa
A competición comezará o domingo ás 10:00 horas coa participación dos conxuntos de nivel B
torneo-ximnasia-ritmica-begonte
11 Mar 2026

O pavillón polideportivo de Baamonde, no Concello de Begonte, será o escenario este domingo 15 de marzo dunha nova edición do Torneo Terra Chá de ximnasia rítmica, unha cita deportiva organizada polo Club Violeta Ximnasia Rítmica Begonte coa colaboración do Concello.

O evento reunirá arredor de 650 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo, convertendo a localidade nun punto de encontro para clubs, deportistas e afeccionados a esta disciplina.

A competición comezará ás 10:00 horas coa participación dos conxuntos de nivel B. A partir das 12:00 horas será a quenda dos equipos das categorías de promoción e prebase. Tras un descanso ao mediodía, o torneo continuará pola tarde coa competición de nivel escolar, prevista para as 16:30 horas.

Desde a organización destacan a importancia desta cita para fomentar a práctica da ximnasia rítmica e para promover o encontro entre deportistas de distintas idades e niveis. O torneo converterá durante toda a xornada o pavillón de Baamonde nun espazo de deporte, convivencia e exhibición do talento das ximnastas participantes.

0.12082004547119