“O club xa ten moi bos momentos que quedarán para o recordo”

TerraChaXa
Kini Martínez, director deportivo do Vilalba FS, que celebra 25 anos de historia
kini-tiempo-muerto-
13 Apr 2025

Para falar de fútbol sala en Vilalba hai que falar do Vilalba FS, que este ano cumpre 25 anos de historia no seu mellor momento a nivel deportivo, cos dous primeiros equipos situados en zona de ascenso e con resultados positivos en todas as categorías. O seu director deportivo, Kini Martínez, explica as expectativas do club para o final da tempada.

Que hai previsto para celebrar o 25 aniversario do club?

Está claro que é un número moi bonito para o club, os que estamos a vivilo agora imos traballar para facer algo especial e bonito e que quede un bo recordo para todos e todas.

Está a ser tamén una gran tempada. Como foi ata o de agora e que previsións hai de cara ao final?

Pois tanto na sección masculina como na feminina levamos unha tempada moi lineal, a pesar dalgún revés, pero sempre nos postos altos da clasificación. Se todo segue así, poderemos xogar os play off de ascenso nas dúas seccións, algo que para o club sería histórico e memorable, e para os que estamos no día a día, sería unha recompensa ao traballo que vimos facendo, non só esta tempada, senón dende xa fai uns anos.

Cales son as principais características do club?

Humildade, compromiso e traballo. Cada vez somos máis equipos e máis staff, e todos e todas os que estamos neste club temos claro o camiño a seguir, empezando pola directiva e seguindo polo staff de cada equipo. Pés no chan, seguir traballando e que nada nin ninguén nos quite a ilusión.

Tivo nos últimos anos un crecemento constante. Como foron?

Crecemos rápido pero seguros, nos últimos anos puidéronse dar algúns pasos máis nalgunha categoría, pero buscamos dar pasos firmes e seguros. Somos dos que pensamos que é moito mellor pouco “relativamente” ben, e non moito e mal. Neste momento temos bastantes equipos dende a categoría prebenxamín ata os primeiros equipos, algo que supón moito traballo para conseguir ofrecerlles a todos as mellores condicións posibles.

De que logros se senten más orgullosos?

O club xa ten moi bos momentos na súa historia que sempre quedarán para o recordo. Na máis recente creo que sempre serán recordados os últimos ascensos dos nosos primeiros equipos, o masculino á categoría de bronce da Liga nacional de fútbol sala, e o feminino á categoría de prata, tamén da Liga nacional, sendo esta considerada como profesional. A nivel persoal, como director deportivo do club e adestrador, son momentos dos que nunca me vou esquecer. Se houbera a posibilidade de mirar máis aló, creo que sería o máis bonito que se pode vivir neste deporte e algo polo que realmente merece a pena pelexar, ver a moitos afeccionados, xogadores e xogadoras, directivos e a un pobo enteiro cun sorriso de orella a orella penso que é do máis bonito que hai.

Cales son os proxectos de futuro?

Pois ter os pés no chan, seguir traballando e ir cada día a máis. Chegar ata onde se poda ou nos permitan, e, esteamos na categoría que esteamos, crear ese bo ambiente para o pobo con fútbol sala. É moi importante para nós, que todas as cativas e cativos que temos no club pelexen para chegar aos primeiros equipos e teñan unhas boas referencias polas que guiarse para mellorar e superarse, cantos máis teñamos mellor. E por último que siga crecendo a nosa afección, e o frente smóking, que para nós e un orgullo poder contar con eles durante todo o ano, e nos partidos especiais, recibir sempre ese arreón e axuda do sexto xogador que a nivel competitivo nos dá tanto.

25-anos-fs-vilalba
0.18391108512878