O Colexio de Arquitectos ensinará en Mondoñedo a utilizar a cal en decoración e construcción

TerraChaXa | AMariñaXa
Mondoñedo acollerá o primeiro curso de revocos de cal grazas ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
1 1
29 Xul 2019

Mondoñedo acollerá o primeiro curso de revocos de cal grazas ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Trátase dun ciclo de talleres prácticos de recuperación de revocos, pinturas e de pigmentos naturais. Este curso de iniciación está organizado polo Concello de Mondoñedo, xunto coa Asociación Batitales e o Museo do Cal de Morón e desenvolverase no Círculo de Recreo Casino de Mondoñedo, ubicado na rúa Alfonso VII da cidade episcopal.
Os cursos están dirixidos ao público en xeral, aos afeccionados e en especial aos veciños de Mondoñedo con interese pola restauración e a conservación do seu patrimonio.
Os obxectivos do curso pasan por familiarizar tanto a profesionais como a interesados cos revocos e a pintura ao cal, como materiais tradicionais e sustentables que forman parte do canón das boas prácticas na rehabilitación, ata o de ensinar a confeccionar e utilizar pinturas ao cal como ferramenta alcanzable que poderá utilizar a xente para manter as súas casas.
Tamén se trata de aprender de experiencias e estratexias de rehabilitación e revitalización levados a cabo noutros lugares, así como de coñecer o cal, como material de construción, os distintos tipos de cales existentes no mercado, as súas características, propiedades e usos.
Os expertos ensinarán as dosificacións adecuadas para cada tipo de morteiro ou formigón, sensibilizarán ao alumnado sobre o emprego dos materiais e técnicas tradicionais e capacitar para poder formular e aplicar morteiro e pintura de cal.
O programa comeza o mércores 31 de xullo, pola mañá, de 10:00 a 14:00 horas con charlas a cargo de Manuel Gil (Introducción), María Teresa Gómez Morgade (Cal e arquitectura tradicional galega), Jose Otero Rejes, Abel Vigo García, Marta Candocia Acción, que falarán sobre o cal en Mondoñedo e os fornos de Masma) e finalizarán cunha mesa redonda. Esa tarde, de 15:00 a 19:00 horas, haberá uns obradoiros prácticos impartidos por Luis Prieto.
O ciclo continuará o xoves 1 e o venres 2 de agosto. Pola mañá, de 10:00 a 14:00 e pola tarde, de 15:00 a 19:00 horas, haberá obradoiros prácticos con aplicación en muro a cargo de Luis Prieto, que é maestro estuquista, artesán aplicador e docente en varios másteres nacionais e internacionais de Conservación e Restauración do Patrimonio. Tamén ten un Premio Richard H. Driehaus 2019.
As inscricións poden facerse preferiblemente cubrindo o seguinte formulario:https://forms.gle/TdnDx4DPxJH1R38q9, aínda que tamén por correo electrónico, enviando nome completo, dirección, correo electrónico e teléfono a asociacionbatitales@gmail.com
Tamén se poden facer telefonicamente chamando á Oficina Municipal de Rehabilitación do Concello de Mondoñedo, no 982 52 14 02 en horario de 9 a 14 horas, de luns a venres.
É convinte traer roupa axeitada, lentes e luvas, ao tratarse de cursos prácticos. Paralelamente organizarase un taller para nenos.

0.19127607345581