O colexio de Begonte crea o seu propio bosque
Nun espazo de 2.600 m2 dentro do patio do colexio Virxe do Corpiño de Begonte, nenos, nenas, mestres, mestras, papás e mamás construíron un bosque propio utilizando para elo arbustos e árbores autóctonas creando un ecosistema no que xogar e experimentar coa natureza.
Trátase dunha acción enmarcada no programa de innovación educativa Club de Letras e o obxectivo é que serva tamén para refuxio e lugar de alimento a outras especies como as aves: águias, merlos, halcóns ou gorrións.
O minibosque (formado por castaños, carballos, freixos e bidueiros, entre outros) xera un espazo para a experimentación natural e un ágora ao aire libre onde desenvolver asambleas, xogo tranquilo ou dar clases.
Segundo explican dende o colexio, o espazo está pensado para crear un patio máis dinámico e diversificado, xerando novos recunchos onde desenvolver outro tipo de actividades, fomentando outro tipo de movemento e incentivando o contacto coa natureza.
O lugar conta cunha zona específica con máis de 25 especies de plantas aromáticas (tomiño, romeu, lavanda…) que se poden tocar e ulir. Ademais, polo medio do bosque están a facer un paseo de texturas (área, pedras, follas…), para que os nenos experimenten cos seus propios pés.
Co bosque, o profesorado tamén dispoñerá dun novo espazo no que desenvolver actividades pedagóxicas fóra da aula, estimulando a creatividade e curiosidade do alumnado e ofrecendo a posibilidade de gozar do aire libre e a experimentación natural, adentrándonos de cheo na metodoloxía das Escolas-Bosque, orixinaria de Dinamarca.