O colexio de Meira acolleu unha das actividades formativas de Avimós sobre a Galiña de Mos

O CEIP Poeta Avelino Díaz de Meira acolleu este venres unha das actividades formativas do programa de difusión da raza Galiña de Mos A Galiña de Mos vai á escola que a asociación de criadores Avimos está a desenvolver en centros educativos da provincia coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A iniciativa achega ao alumnado o ciclo de incubación e nacemento dos ovos, con diferentes sesións nas que o persoal de Avimós imparte tamén charlas divulgativas sobre a orixe e características desta raza autóctona, a súa crianza e as súas cualidades gastronómicas da súa carne.
O deputado de Rural Daniel García achegouse este mediodía ao centro, onde tras tres semanas de incubación dos ovos, naceron unha vintena de polos. As alumnas e alumnos de sexto e quinto de primaria participaron nesta actividade, que aproveitou para animar a “consumir produtos locais, alimentos que producen gandeiras e gandeiros no entorno máis próximo, para apoiar o seu traballo e forma de vida”.
Centros participantes
A colaboración entre Avimós e a área de Rural inclúe o desenvolvemento destas actividades en 14 centros da provincia no primeiro semestre deste ano. Ademais de no colexio de Meira, desenvolvéronse xa na Escola de Educación Infantil Fingoy, no CEIP Sagrado Corazón e no CEIP Rosalía de Castro de Lugo, no CEIP Plurilingüe San Miguel de Paradela, no CEIP Ramón Piñeiro de Láncara e no Concepción López Rey de Baleira.
Nos seguintes meses, chegarán á Escola de Educación Infantil de Vilalba, ao CEIP de Bretoña, ao CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga, a CEIP Xoán de Requeixo de Chantada e aos CEIP Quiroga Ballesteros, CEIP Albeiros e CEIP Menéndez Pelayo de Lugo.
O persoal de Avimós desprázase aos centros para poñer en marcha a incubación, que dura 21 días. No día 19, volven para modificar os parámetros da incubadora amosando ao alumnado como diferenciar, cun ovoscopio, os ovos que son fértiles e os que non. A última actividade desenvólvese nos primeiros días de vida dos polos.