O colexio de Román pecha a celebración do seu 40 aniversario cunha festa o martes

O Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá da parroquia de Román, en Vilalba, pechará os actos do seu 40º aniversario cunha festa especial de fin de curso o vindeiro martes, 1 de xullo.
A Delegación Territorial da Xunta acolleu a presentación das actividades previstas, coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e o director do colexio, José Manuel López.
A programación inclúe unha exposición -que xa foi inaugurada- na que se poden ver fotografías de exalumnado do centro, material didáctico antigo e traxes rexionais elaborados polos escolares. Ademais, os nenos e nenas do CEIP poderán desfrutar de colchonetas, unha festa da escuma e outras propostas.
A xornada contará cunha das foodtrucks da campaña Galicia sabe Amar, da Consellería do Mar, que ofrecerá degustacións gratuítas de tapas elaboradas con peixe e marisco galego e con produtos de proximidade. O obxectivo deste programa é promocionar estes produtos para fomentar o seu consumo.
A celebración contará con varias actuacións musicais, entre elas a da orquestra Panorama, que animará o festexo a partir das 21,30 horas.