O Colexio Oficial de Traballo Social advirte do menoscabo para os usuarios que supón non cubrir esta praza no hospital
O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) vén de enviar un documento á dirección xeral de recursos humanos do SERGAS no que reclama a cobertura da praza de traballo social no hospital público da Mariña durante os periodos vacacionais e os permisos.
Desde a Xunta de Goberno do COTSG subliñan que nos periodos nos que a praza está inactiva “hai unha repercursión negativa na resolución das problemáticas sociais que presentan as persoas usuarias de dito hospital o que provoca un incremento no gasto sanitario debido ás demoras en altas con problemática social”.
Por outra banda, desde a entidade tamén cren que este feito provoca un “menoscabo innegable na calidade do servizo prestado e un agravio comparativo entre áreas sanitarias”. Ao fío disto engaden que iso é un “detrimento considerable dos dereitos e intereses da poboación, pois afecta á súa vida diaria”.
Desde o COTSG subliñan a “importancia” de que a área sociosanitaria estea ben vertebrada nun país cunhas condicións demográficas particulares como Galicia. “Dita vertebración e coordinación non pode entenderse sen a figura da ou do traballador social”, engaden
Por todo isto, desde a entidade solicítanlle ao SERGAS a “cobertura inmediata da praza” para que “a poboación da zona poida contar cun ou cunha profesional do traballo social para a atención do traballo social de saúde, cumprindo coa normativa vixente e que garanta o dereito a unha asistencia integral e de calidade en material de saúde”.