Os comerciantes afirman que a concentración da Pravia non prexudicará á feira

TerraChaXa
Tras semanas de silencio, o colectivo de comerciantes da rúa da Pravia volveron convocar unha concentración en contra da dirección única.
rua da pravia 2
20 Dec 2021

O colectivo de comerciantes vilalbeses da rúa da Pravia convocan a toda a poboación de Vilalba a concentrarse para solicitar ao Goberno local que devolva a dobre dirección a esta vía e aseguran que no intercederá no discorrer da Feira do Capón.

A concentración está convocada para este martes 21 de decembro entre as 10.00 e as 12.00 horas na Alameda de Basanta Olano de Vilalba, xusto ao lado da feira. Dende a Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba, en representación do sector comercial afectado transmitiron aos criadores e criadoras dos capóns "que poden estar tranquilos en canto á manifestación. A nós interésanos a feira tanto como a vós. Unha das nosas prioridades dende o principio foi non perxudicar a venda dos capóns nin meternos na carpa. Nós apoiámosvos ao igual que agardamos que nos apoiedes".

Esta concentración é a primeira que se celebra polo colectivo tras semanas de silencio e mentres se realizaban as obras na vía. Alega este colectivo que a situación actual causa moitos problemas á xente que vén de fóra do casco urbán.

Xunto a esta reclamación está a de que o Concello faga un regulamento do párking da praza da Constitución para que non se use como garaxe. Afirman que a situación actual está causando graves prexuízos aos seus negocios.

O coletivo está a repartir octavillas entre a veciñanza para que secunde a concentración.

A declaración do colectivo empresarial foi realizada a raíz das declaracións da alcaldesa pedindo responsabilidade ante a concentración. Afirmaba que a prioridade do goberno municipal é que a Feira do Capón se celebre con normalidade e de xeito satisfactorio para criadores, vilalbeses e visitantes despois da cancelación da última edición por mor da pandemia.

cartel manifestacion feira do capon
0.16561007499695