O Comercio das Pontes sae á rúa esta fin de semana
O comercio das Pontes sairá, este fin de semana, á rúa con motivo da XI Edición do Mercado de Oportunidades Vila das Pontes, unha iniciativa organizada polo Concello das Pontes coa colaboración da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Hostaleiros COHEMPO.
Unha vintena de establecementos participarán nesta nova edición do MOVA coa que o goberno local quere achegar ós veciños e visitantes ó comercio tradicional para amosarlles os seus produtos e servizos, a súa calidade, experiencia e profesionalidade.
Trátase, en palabras de Ana Pena, responsable da área de Comercio do Concello das Pontes,”dunha proposta a través da que buscamos dinamizar o comercio de proximidade, un piar esencial da economía da nosa vila, xerador de centos de postos de traballo, e un importante elemento cohesionador que contribúe a darlle vida ó pobo”
O mercado, situado na Avenida da Coruña, estará aberto, o sábado e o domingo, de forma ininterrompida, desde as 10:00 ás 19:00 horas e, entre os comercios participantes, haberá, tendas de roupa infantil, moda de muller, deportes, agasallos, calzado, complementos, papelería, perfumería, saúde e produtos agrocomerciais que ofrecerán ós visitantes interesantes ofertas comercias, tanto en produtos de tempada como en stocks.
Ó igual que en edicións pasadas, mercar no MOVA terá premio e entre todos os clientes sortearanse, o sábado e o domingo, seis vales de 100 euros, tres cada día, para trocar nos establecementos que participan nesta edición do MOVA.
Desde o Concello das Pontes invitan a veciños e visitantes a achegarse ata o Mercado de Oportunidades Vila das Pontes para gozar duna xornada de compras diferente que “ desde fai anos conta cunha excelente acollida por parte dos veciños e cun alto nivel de participación comercial, feito que amosa o compromiso, o esforzo e o bo facer dos comerciantes da nosa vila” remarca Ana Pena.