O comercio de Guitiriz xa se pode adherir á plataforma online
O comercio e as empresas de Guitiriz xa poden adherirse á plataforma de ventas www.ruralsell.com para vender os seus produtos na rede e de xeito gratuíto grazas ao convenio asinado polo Concello de Guitiriz coa asociación Envaco (Emprende, Valoriza e Compite).
Os interesados ou interesadas en formar parte desta iniciativa poden formalizar a súa inscrición cubrindo o formulario que poderán atopar na páxina web https://mercadodixitaldeguitiriz.com/. O primeiro ano será gratis para as empresas que decidan unirse e, para as que continúen nun segundo exercicio, a taxa terá unha rebaixa do 50%, podendo ser asumido o custe polo Concello.
Os requisitos para formar parte deste proxecto son: estar censado no Concello de Guitiriz, dispor dun negocio ou actividade comercial dado de alta e cumprir coas vixentes normativas en materia de comercio e consumo.
Cada un deles contará, entre outras cousas, cunha tenda virtual individual, un espazo de hosting con correo, un subdominio ou dominio, integración do TPV para o pago online, ou unha micro-tenda en Rural Sell. Recibirán ademais asesoramento para poder xestionar dun xeito eficiente a súa tenda online.
Marisol Morandeira, anima ao tecido empresarial do municipio a que se sume a esta iniciativa que está a funcionar noutros lugares xa que “cun pequeno esforzo, e grazas á formación que recibirán, poderán ampliar o seu mercado e chegar á xente que doutra forma non o farían”.