O comercio de Vilalba repartirá dous grandes premios na campaña da volta ao cole

A Asociación de Empresarios de Vilalba pon en marcha un ano máis a campaña “Vuelta al cole co comercio local de Vilalba”, que se celebrará entre o 8 e o 21 de setembro. Durante estas dúas semanas, os establecementos participantes repartirán papeletas entre os seus clientes en función do importe das compras realizadas.
Con estas participacións será posible optar a dous sorteos nos que os gañadores poderán elixir entre unha viaxe en caravana ou un vale de compra de 200 euros. Un dos sorteos desenvolverase de maneira non presencial e o outro terá lugar o día do Desfile do Comercio Local, previsto para o 27 de setembro.
Como novidade, nesta edición entregaranse tamén pegatinas con forma de caravana e co lema “Volta ao cole co comercio local de Vilalba”. Estarán deseñadas para que nenos e nenas poidan personalizar os seus libros, cadernos ou portátiles, xa que contarán cun espazo específico para escribir o nome, o curso e a materia correspondente.
O punto culminante da campaña será, precisamente, o Desfile do Comercio Local, unha cita xa consolidada no calendario vilalbés. O evento converterase no escenario do sorteo final e nun encontro especial no que se reunirá clientela, comerciantes e veciñanza para celebrar, de maneira conxunta, a forza e vitalidade do comercio de proximidade.