O comisionado para o Perte Aeroespacial visitou Rozas

TerraChaXa | LugoXa
O comisionado para o Perte Aeroespacial, Miguel Belló, visitou o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR)
visita comisionado rozas
24 sep 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, solicitou o apoio do comisionado para o Perte Aeroespacial, Miguel Belló, para que o Polo Aeroespacial de Galicia acade financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) para desenvolver novos programas de I+D; e transmitiulle que a Comunidade está posicionada para executar con impacto e eficacia estes fondos europeos.

No marco dunha visita institucional a Galicia, Belló estivo no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei na que coñeceu as capacidades e equipamentos desta infraestrutura de referencia para o ensaio con vehículos non tripulados, así como as instalacións de Indra e Babcock no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas. O comisionado reuniuse ademais con representantes das sete empresas que optan a ser novos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026, así como con pemes, centros tecnolóxicos e de coñecemento do ecosistema aeroespacial galego.

Conde subliñou que a Xunta leva anos facendo unha decidida aposta por xerar coñecemento e pegada industrial arredor dun sector de alto valor engadido como é o aeroespacial e, en concreto, no eido dos vehículos aéreos non tripulados. Por este motivo, tanto por experiencia como por proxecto, Galicia está chamada a formar parte do Perte Aeroespacial.

Durante o encontro o comisionado coñeceu o liderado de Galicia no segmento dos sistemas non tripulados e as capacidades para o desenvolvemento de tecnoloxía punteira neste eido a través do relato de Aertec-Tecnobit, Airbus, Babcock, Boeing, Indra, Sistem e Telespazio, que explicaron o alcance dos seus programas de I+D. Ademais, tivo a oportunidade de escoitar a pemes e empresas como Aeromedia, Centum, Gaerum, Televés, Cartogalicia, Sixtema, 3edata ou Seadrone e ao Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que lle transmitiron o importante impacto que tivo para eles a participación nos proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia. Tamén foi informado das actuacións do novo período estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia, no que a Xunta xa ten en execución proxectos por importe de 84 millóns de euros e no que aspira a mobilizar 540 millóns de euros de investimento público-privado se se obteñen fondos europeos.

Novos socios estratéxicos

Tal e como explicou Conde, nos vindeiros días darase a coñecer a adxudicación da licitación de Compra Pública Precomercial coa que a Xunta seleccionará os novos socios estratéxicos e tecnolóxicos do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026.

Froito do procedemento de diálogo no mes de xullo de 2022 aprobouse un listado de programas de I+D de interese preferente, presentados por sete empresas que optan a colaborar no Polo: Airbus, Babcock, Boeing, Indra, Aertec-Tecnobit, Telespazio e Sistemas y Montajes Industriales.

Programa de I+D de Biodiversidade

No marco desta licitación, Galicia desenvolverá un programa de I+D de monitorización e observación da biodiversidade, no que realizará un investimento público de 21M€, procedentes de fondos propios da Xunta e do Plan Complementario de Biodiversidade do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Galicia é, xunto con Canarias, a comunidade autónoma que recibiu máis financiamento ao obter 23 dos 65,2 M€ do total (35 %). A  Comunidade recibirá 12,34M€ e achegará 10,6M€ de fondos propios. Andalucía, Asturias, Estremadura e Baleares son as outras catro participantes.

Outro dos proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia no que a Xunta conta co apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación, a través do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), é o proxecto de simulación avanzada para a xestión de tráfico aéreo U-Space que están a desenvolver Indra e Boeing e que virá a reforzar as capacidades do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR). O CDTI adxudicou por 12,75M€ esta infraestrutura avanzada e pioneira que contribuirá a consolidar Galicia na vangarda.

0.11491012573242