O comité de crise das Pontes reúnese co eurodiputado González Casares

TerraChaXa
O grupo de traballo local por unha transición enerxética xusta, liderado polo alcalde, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá co eurodeputado socialista galego e membro da Comisión de Industria e Enerxía, no Parlamento Europeo, Nicolás González Casares.
Encontro Eurodeputado
7 Jan 2020

O grupo de traballo local por unha transición enerxética xusta, liderado polo alcalde, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá co eurodeputado socialista galego e membro da Comisión de Industria e Enerxía, no Parlamento Europeo, Nicolás González Casares.

O obxectivo desta reunión era trasladarlles ao membros do comité de crise o punto no que se atopa a tramitación da axudas da Unión Europea para a descarbonización así como os criterios que se están barallando no seu deseño, as diferentes negociacións que se van a levar a cabo unha vez que se poñan en marcha así como os sistemas que se van a empregar para recoñecer as rexións con dereito a este tipo de axudas e o obxecto das mesmas.

Nesta reunión, na que tamén estivo presente a deputada pontesa, Montserrat García, Nicolás González comprometeuse, dado que o proceso de definición das axudas está aberto, a manter una comunicación fluída e continuar visitando ao grupo local por unha transición enerxética xusta así como a mantelo informado sobre a evolución do deseño das achegas europeas para a descarbonización para, deste xeito, traballar de forma conxunta e conseguir o máximo beneficio para Galicia.

Desde o grupo de traballo local valoran de xeito moi positivo este encontro e agradecen a disposición de Nicolás González para facer o seguimento das achegas europeas. “Que un membro da comisión de Industria e Enerxía da Unión Europea, faga un seguimento directo e teña comunicación directa co grupo local por unha transición xusta é algo que axuda. Supón ter un canal de comunicación aberto no lugar no que se van a xestionar e organizar as axudas para a descarbonización” subliñou Ana Pena, edil de Industria no Concello das Pontes.

Por outra banda, no transcurso desta reunión a edil recordou que o pasado 20 de novembro decidiuse,a proposta do Ministerio de Transición Ecolóxica, a inclusión de Galicia no Equipo País, por unanimidade dos seus membros, unha demanda solicitada polo grupo de traballo local por unha transición enerxética xusta desde os inicios da súa constitución, “un feito esencial, xa que as rexións que forman parte dese equipo van a ter a opción de participar nas axudas para a transición enerxética. Era un paso fundamental que, xunto ao feito de que formemos parte do plan de axudas estatais, fará posible minimizar o impacto negativo do cambio de modelo enerxético”.

0.16444897651672