O comité de empresa pide unha xustificación polo peche de Tegestacin

TerraChaXa | LugoXa
O comité de empresa de Tegestacin, a empresa que ocupa as instalacións que antes tiña Alimentacións Lácteos, reuniuse hoxe cos traballadores.
lacteos alimentos tegastacin outeiro
16 Dec 2021

O comité de empresa de Tegestacin, a empresa que ocupa as instalacións que antes tiña Alimentacións Lácteos, reuniuse hoxe cos traballadores para falar do anuncio de peche da empresa.

Na tarde de onte a empresa comunicou a súa intención de pechar nun breve espazo de tempo a empresa e proceder á extinción da totalidade dos postos de traballo.

Durante a asemblea, o conxunto do persoal amosou a súa preocupación polo futuro dos postos de traballo, así como por coñecer as causas reais que poidan avalar esta decisión empresarial.

Segundo informou a CIG esta decisión suporá a perda do posto de traballo para 70 persoas, "o que terá un importante impacto na economía dos concellos limítrofes".

Así mesmo, os sindicalistas anunciaron que "irán analizando e actuando en consecuencia dos feitos que se vaian sucedendo, poñendo especial atención en calquera feito que poida camiñar cara á defensa dos postos de traballo".

A CIG insiste na necesidade dunha xustificación e dun futuro para as instalacións. Afirman que demandarán solucións "que engadan o valor engadido da actividade e mantemento dos postos de traballo, así como chamada de atención á Administración galega na busca de solucións que garantan a viabilidade da factoría".

O comité xa anunciara esta mesma semana que a empresa se atopaba en problemas e anunciaba un posible peche tras o corte de subministro eléctrico rexistrado nunha das xornadas.

0.1782500743866