O concelleiro do grupo mixto murés Julio Díaz critica o estado de "abandono" da aldea etnográfica de Carelle

TerraChaXa
Acusa ao Goberno municipal de entorpecer a posta en marcha do lugar "con idas e vidas ao xulgado sen sacar nada en limpo"
carelle-muras3
31 Mar 2025

O novo concelleiro do grupo mixto de Muras, Julio Díaz, puxo de relevo o estado de "total abandono" no que se atopa a aldea etnográfica de Carelle, na parroquia do Burgo.

"O lugar languidece como o resto do concello, ante a parsimonia do actual goberno municipal do BNG", dixo o concelleiro, que engadiu que entre o ano 2011 e 2014 o Concello de Muras investiu uns 2 millóns de euros do canon eólico na compra e no acondicionamento do núcleo, formado por tres agrupacións de 12 casas repartidas en 30 hectáreas de terreo.  Entre os traballos realizados figuraba a rehabilitación dun forno, un muíño, un lavadoiro, un hórreo e unha forxa.

Díaz afea ao actual Goberno que desde 2015 "só se encargou de enturbar a posta en marcha da aldea con idas e vidas ao xulgado sen sacar nada en limpo e causando grandes prexuízos ás arcas municipais.

"O que podería ser un referente no turismo e motor para o pobo, amosa o seu deterioro entre a maleza", explica acusando ao BNG de mantela pechada. "Aí vese o que loitan e apostan polo rural", explica.

Engadiu tamén que o alcalde sempre defendeu que mestres estivese o proceso no xulgado non se faría ningunha actuación, "pero estivo destinando unha instalación como canceira durante anos sen estar acondicionada e sen os permisos necesarios". Asegurou tamén que outra dotación utilizouse para dar cursos.

Julio Díaz pídelle ao alcalde "que se poña a traballar con coherencia" facendo o mantemento da aldea.

⚙ Configurar cookies
0.56592011451721