O concelleiro non adscrito de Muras reclama información sobre as festas patronais

As festas patronais de Muras, en honra a San Pedro e á Virxe da Caridade do Cobre, terán lugar do 27 ao 29 de xuño e, un ano máis, a organización recae no Concello. Sobre isto, o concelleiro non adscrito, Julio Díaz, volveu utilizar o foco mediático para criticar “unha falta de información” previa, sinalando que aínda non se colocaron carteis anunciadores.
Díaz asegura que recolleu “queixas dos veciños” e aproveitou tamén para lanzar críticas ao alcalde, Manuel Requeijo, acusándoo de non participar nas festas, concretamente na misa e na procesión, desde que asumiu o cargo en 2015. Julio Díaz anunciou que convidará publicamente ao alcalde na próxima sesión plenaria do mércores 25 "un evento de gran trascendencia para o pobo, especialmente o sector hostaleiro, e que, desde o BNG, están a deixar perder", dixo.
Alega tamén que o alcalde conta coa "complicidade" co grupo maioritario da oposición, o PP, "quen en lugar de pedir explicacións, gardan silencio, como levan facendo toda a lexislatura". Referiuse ao recente apoio do Bloque na aprobación de facturas pendentes, logo de varios intentos fallidos nas sesións plenarias anteriores.