Lourenzá adxudicará as obras do campo de fútbol para adestramentos
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, anunciou que antes de que remate o ano adxudicaranse as obras de mellora do campo de adestramento, unha obra moi demandada debido ao mal estado no que se atopa e que tralas últimas chuvias está impracticable.
O Concello de Lourenzá conta con dous campos polo que optou pola colocación de céspede artificial no que utilizan os cen rapaces de distintos equipos e categorías para o adestramento para facilitar a práctica deportiva durante todo o ano.
O proxecto desta obra contempla o movemento de terras, a escavación ata lograr a rasante necesaria para a instalación de firme e dos pavimentos, a drenaxe con canaletas nos laterais do campo, tubaxes de PVC e arquetas e bordes. Trátase dunha obra financiada pola Deputación Provincial.
A rexidora laurentina anunciou que outro dos proxectos nos que traballarán ao longo do ano que vén será a rehabilitación do Mosteiro de San Salvador. Este monumento local é propiedade do Obispado polo que continúan as negociacións con estes organismo para buscar un uso futuro trala súa rehabilitación, algo que teñen que decidir antes de acometer as obras para facelo en función do proxecto.
Tal e como explica a alcaldesa, trátase dun edificio de grandes proporcións que permite a súa adecuación como auditorio ou como residencia polo que o primeiro paso é chegar a un primeiro acuerdo.
Este mosteiro benedictino situado, declarado Ben de Interese Cultural, consta dunha abadía, un convento, dous claustros, un patio, varias capelas e unha igrexa. O conxunto monástico é de estilo románico e barroco, foi fundado por Osorio Gutiérrez, o Conde Santo, no século X e dispón dun notable Museo de Arte Sacra.
Ademais doutro proxecto, a intención do Concello é continuar o próximo ano co proceso de aglomerado de todas as vías do Concello. Segundo indicou Rocío López, son moitas as vías que se repararon nos últimos catro anos utilizando o aglomerado en quente pero aínda queda que facer.
Seguirán tamén co proceso de instalación do alumeado público naqueles pequenos pobos que aínda non o teñen. Continuarán prolongando as actuacións, tal e como fixeran o ano pasado, que incluíron o barrio de Oural. Dentro do Plan unico deste ano hai unha partida importante de luces LED que mercou o Concello para ir cambiando todas as luminarias que deixen de funcionar ao novo sistema.
Outro dos temas que se abordarán neste ano de comeza será asentar as bases dun proxecto turístico para o concello. "Ata o momento ningún equipo de Goberno deu feito un proxecto como é debido e queda moito traballo por facer aínda que xa están varias cousas en marcha. Temos ideas que temos que ir asentando, como a faba, que aínda que é unha iniciativa privada, ten moi boa acollida ou aproveitar tamén o Camiño de Santiago, porque somos final de etapa", recalca a alcaldesa.