O Concello asina coa Deputación un acordo para humanizar a rúa Boa Veciña de Guitiriz
José Tomé e Marisol Morandeira materializaron no Concello guitiricense o acordo a través do cal a institución provincial financia integramente esta actuación que permitirá urbanizar e renovar esta céntrica rúa da parroquia de Lagostelle.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira Morandeira, asinaron un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial aporta ao Concello 114.000€ para a humanización da rúa Boa Veciña. Coa sinatura deste acordo, que ambos dirixentes materializaron no Concello guitiricense, a institución provincial financia integramente unha actuación que permitirá urbanizar e renovar a totalidade desta vía, situada no casco urbano da localidade, na parroquia de Lagostelle.
O proxecto da obra consistirá na rehabilitación do firme existente con aglomerado en quente, propocionándolle un espesor máis groso e adecuado ao gran volume de tráfico pesado que soporta, pola súa proximidade co polígono industrial e por ser unha das principais vías empregada de acceso á autovía. En concreto, na parte da rúa onde está situada a farmacia será preciso demoler e sustituir o pavimento polo mal estado que presenta. Ademais, aproveitarase esta acción para revisar a rede de saneamento por se fose necesario a súa mellora.
Así mesmo, os traballos contemplan a reducción da altura exitente entre a calzada e a beirrarúa, sendo preciso renovar todos os vados vehiculares e peonís, e realizaranse sobreanchos nas mesmas e no carril do aparcadoiro para reducir a distancia de cruce e mellorar a visibilidade. A actuación tamén inclúe a sustitución das baldosas das beirrarúas por un pavimento coloreado en tons area en harmonía coa contorna urbana, e adaptándose á nova normativa de accesibilidade en espazos públicos urbanizados. O proxecto contempla reemplazar os bancos e papeleiras, e adaptaranse os rexistros e sumidoiros á nova rasante da calzada.
A superficie total na que se actuará é de aproximadamente 3.200 m2 nos 280 metros de lonxitude que ten esta rúa, unha das máis usadas por guitiricenses e visitantes, xa que se trata unha das entradas desde a autovía cara o centro da localidade que desemboca na Avenida da Coruña, e tamén punto de paso para outras céntricas vías.
Senda peonil na rúa Manuel María e Sete Muíños
Na súa visita a Guitiriz, o Presidente supervisou tamén a execución das obras de creación da senda peonil na rúa Manuel María, que a Deputación financia en colaboración co Concello para mellorar a seguridade e a accesibilidade nesta vía, punto de conexión do centro da vila con servizos básicos como o Centro de Saúde e co instituto. A aportación económica da institución representa máis do 98% do investimento da actuación, mentres que o Concello dedica 2.000€, polo que o importe total ascende a 132.000€.
O máximo mandatario provincial comprobou ademais os traballos de construción doutra senda peonil e de mellora do firme con aglomerado en quente no Paseo dos Sete Muíños, para os que a institución investiu 110.200€. A senda de 1,70 metros de anchura está practicamente finalizado, e xa permite a guitiricenses e visitantes camiñar por el ata esta área de lecer, que conta, a pouco máis dun quilómetro desde o centro urbano, con varios muíños, pontes, unha piscina natural cunha pequena cascada e unha ruta fluvial que descorre paralela ao río Veiga.