O Concello confirma a renovación completa da cuberta do pavillón municipal

TerraChaXa
Tamén se iniciaron as obras para a renovación completa da pista do CEIP Mato Vizoso
VILALBA-PAVILLON-MUNICIPAL
17 Jan 2025

O Concello de Vilalba amosa o seu férreo compromiso coas instalacións deportivas logo da revisión xeral dos parafusos da cuberta do pavillón municipal e a posta a punto da zona dos vestiarios realizada na mañá de hoxe.

Desta forma, dende o Concello de Vilalba “intentamos evitar que se volvan a producir novas filtracións de auga cando se dean abundantes precipitacións”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

No relativo ás filtracións rexistradas a pasada semana, Rouco apuntou que “os técnicos municipais, logo de visitar as instalacións, explicáronnos que debido ás características da cuberta e ás importantes choivas dos últimos días, a aparición de filtracións puntuais entra dentro da normalidade por mor dos afrouxamentos da tornillería”.

Tras as actuacións de repaso e substitución de parafusos na cuberta, púidose confirmar que as filtracións, localizadas en dous puntos concretos nos que non se realizou ningunha actuación nas obras acometidas no mes de xuño, foron provocadas por folguras dos parafusos.

“Cómpre lembrar que as últimas actuacións se centraron nunha parte concreta, que era a máis deteriorada” sinalou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen confirmou que “a zona dos lucernarios que foron substituídos está completamente selada e a empresa confirmounos que nesa zona non se produciu ningunha filtración”.

PAVILLÓN DO CEIP MANUEL MATO VIZOSO

Pola súa banda, a pasada semana tamén deron comezo as obras para a renovación completa da pista do pavillón do CEIP Manuel Mato Vizoso.

“A primeira fase, de nivelado do pavimento, xa está completada e agora instalarase un novo pavimento deportivo de PVC”, explicou o concelleiro de infraestruturas urbanas de Vilalba, Luis Fernández.

Unha vez instalado o novo pavimento, realizarase o marcado das liñas da pista de fútbol sala, baloncesto e tenis. Actuacións ás que se sumará a substitución total da iluminación da pista do pavillón, “substituiremos os 21 focos actuais por outros novos de tecnoloxía led que permitirán incrementar nun 45% o grao de iluminación e reducir á metade o consumo eléctrico”, concluíu Fernández.

0.16588807106018