O Concello construirá un parque infantil no núcleo urbano de Abadín

TerraChaXa
O proxecto, en fase de licitación, ten un orzamento de 55.687 euros
xogos-parque-infantil-abadin
Xogos
4 Ago 2024

O Concello de Abadín ten en licitación a obra de construción dun parque infantil no núcleo urbano de Abadín, co obxectivo de ter unha oferta lúdica para os máis pequenos xa que agora mesmo só existe unha zona de xogos na área recreativa de Gontán.

O obxectivo é facer un parque infantil cuberto atendendo á demanda veciñal, que se alonga no tempo.

A presente actuación ten por obxecto a instalación dun parque infantil cuberto de 150 metros. cadrados, ocupada por xogos, inicialmente, na metade da súa superficie, sen prexuízo de que no futuro poda aumentarse a súa oferta.

Os xogos proxectados son unha randeeira con asento tipo niño, plano e bebé, un carrusel Tipi con abrazadeiras e unha unidade de balanceo con resorte.

O parque infantil levantarase sobre unha soleira de formigón regular e pulida de 15 cm de espesor sobre un encachado de 20 cm, para o cal procederase á preparación dunha superficie lisa e saneada dentro da parcela.

Unha vez preparada a soleira de formigón levarase a cabo á instalación de pavimento continuo bicapa especialmente indicado para a seguridade infantil, consistente nun sistema de pavimento continuo bicapa, sendo a primeira unha base elástica e a segunda a superficie exterior decorativa, máis resistente e de cor.

Finalmente colocaranse os xogos.

A obra ten un orzamento de 55.687 euros.

0.18189811706543