O Concello construirá unha senda peonil desde Corvite ata o centro urbano de Vilalba

O pleno de Vilalba aprobou a mellora da seguridade viaria dos veciños e veciñas de Corvite. Trátase dunha actuación longamente demandada pola veciñanza deste núcleo, que desde hai máis de tres décadas vén reclamando a construción dun itinerario peonil seguro que os conecte co centro urbano.
A intervención consistirá na execución dunha senda peonil mediante a fórmula técnica de cuneta transitable, unha solución que permitirá eliminar a situación de perigosidade existente cando os residentes teñen que desprazarse a pé polo tramo que separa Corvite da Rúa de Muras. O novo percorrido discorrerá pola marxe esquerda da vía, cun ancho medio de 1,5 metros e de uso exclusivamente peonil.
O trazado terá unha lonxitude aproximada de medio quilómetro, unindo a zona da fonte do barrio co núcleo urbano, sen que a actuación implique redución do ancho da vía nin afecte ás parcelas lindeiras. Deste xeito, garántese unha mellora da mobilidade peonil mantendo as condicións actuais da estrada.
O proxecto conta cun orzamento total de 79.050 euros e inclúe, ademais da execución da senda, a mellora da rede de pluviais, a pavimentación con formigón de 10 centímetros de espesor e a implantación de medidas de calmado do tráfico, co obxectivo de limitar a velocidade máxima a 30 quilómetros por hora. Desde o goberno municipal destacan que esta actuación supón un paso importante para mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza de Corvite.