O Concello da Pastoriza adxudica a xestión da piscina municipal

TerraChaXa
O novo contrato contempla un incremento significativo nas horas de monitorado
actividades-piscina-pastoriza
4 Jan 2025

O Concello da Pastoriza confirmou a adxudicación do contrato para a xestión integral da piscina municipal á empresa Clece FS, SA O acordo, cun importe anual de 467.652 euros, terá unha duración inicial de catro anos, con opción a prórroga dun ano adicional. A nova xestión comezará o 1 de xaneiro, substituíndo á anterior empresa responsable.

O novo contrato contempla un incremento significativo nas horas de monitorado, que ascenderán a 5.960 horas anuais, o que supón un aumento de 1.250 horas respecto á oferta anterior. Ademais, a empresa Clece FS comprométese a investir 45.000 euros en melloras das instalacións ao longo da duración do contrato, así como a destinar 8.500 euros anuais en publicidade para promover as actividades e servizos da piscina.

O contrato inclúe non só a administración técnica e administrativa da piscina, senón tamén o mantemento das instalacións que abranguen o ximnasio, as zonas axardinadas e outros espazos asociados. Entre as responsabilidades destacan a conservación da maquinaria, a atención ao público, a limpeza, o coidado dos vestiarios e a supervisión técnica e operativa do servizo.

En canto ás tarifas, o Concello confirmou que non haberá cambios no custo das entradas esporádicas, que seguirán sendo de 3 euros sen límite de tempo. Os abonos tamén se manterán: 18 euros ao mes para maiores de 65 anos, 25 euros no caso do abono individual con ximnasio e 35 euros para o abono familiar, independentemente do número de membros.

A oferta de actividades inclúe cursos de natación ata cinco días á semana, preparación física para oposicións con adestrador persoal e natación para bebés. Tamén se engaden novos servizos como masaxista, fisioterapeuta e podólogo, ampliando así as opcións para os usuarios da piscina municipal.

0.16235899925232